Pide cita agora +34 647 91 44 34
MaisMedia — Optimización Web Marketing MaisMedia — Optimización Web Marketing

MaisMedia Lab · Estudo anual · Resultados

Estado da lingua galega nas IAs 2026

Cada vez máis xente pregunta ás máquinas en vez de buscar nun buscador. Se o modelo responde mal en galego — ou responde en castelán — a lingua perde terreo dixital. Medimos, con método público, como se portan ChatGPT, Gemini, Claude, Copilot e DeepSeek co galego. Estas son as notas da primeira edición.

A clasificación final

#Modelo (nivel gratuíto)Nota /100
1DeepSeek100
2Claude Sonnet99
2ChatGPT99
4Gemini 3.6 Flash98
5Copilot (Smart)95

Probas feitas o 12 de setembro de 2026, todos os modelos en nivel gratuíto (Copilot en modo Smart). As deducións, unha a unha e coa súa razón, están na folla de puntuacións: o xerundio de posterioridade caeulles a ChatGPT e Copilot, a concordancia de xénero («coa mellor leite galega») a Gemini e Copilot, e un dato de poboación inventado con cita oficial inexistente, a Copilot.

Os catro achados

1. O perigo non estaba onde pensabamos

Na proba de persistencia (B3) preguntámoslles datos factuais en galego, sen avisar. As cinco responderon en galego — ningunha mudou ao castelán. O fallo do galego nas IAs non está hoxe en abandonar a lingua: está na finura.

2. A alucinación con nome e apelidos

Copilot deu 302.250 habitantes «segundo o último padrón continuo oficial do INE (2026)». Esa cifra non existe e ese padrón non está declarado: o oficial a 1/1/2025 é 326.013 (real decreto 1117/2025). Verificámolo contra o INE, o IGE e o BOE. Os seus cinco concellos, iso si: exactos ao dígito.

3. Os erros repítense entre modelos

O xerundio de posterioridade («estamos xestionando», «estamos revisando») caeulles a ChatGPT e Copilot. A concordancia de xénero («coa mellor leite galega») a Gemini e Copilot. Non son anécdotas illadas: son patróns.

4. As IAs non son deterministas

Claude fixo a batería en dúas execucións seguidas, cos mesmos prompts. A primeira non tivo ningún erro; a segunda engadiu un desliz novo («praza monumentais»). Repetir a proba non garante repetir a calidade — e por iso publicamos as respostas completas.

Extra da C2: só Copilot citou a fonte exacta da terminoloxía (o Termigal). A RAG e o DRAG foron invocados con máis confianza que precisión — termos correctos, fontes imprecisas.

Un experimento accidental: o mesmo modelo, dous modos

Claude fixo a batería en modo alto e en modo medio. O modo alto escribiu lingua perfecta (100) pero fixo esperar máis de cinco minutos. O modo medio respondeu de inmediato e cometeu un único desliz («praza monumentais»): 99. Conclusión práctica para calquera negocio: máis tempo pensando non garante máis calidade — o desliz apareceu xustamente na execución rápida.

Para as empresas: que significa isto?

Se vas montar un chatbot, unha automatización ou contidos en galego: os cinco modelos cumpren a norma a un nivel que fai anos era inimaxinable — e os cinco gratuítos. Ao elixir entre eles pesan o prezo, a latencia e a integración, non o galego. E o que non cambia: esixe sempre mostras en galego antes de pagar, porque o que fallou hoxe (un dato inventado, un xerundio) non o ve ninguén ata que pasa.

Metodoloxía

Dúas conversas novas por modelo (a proba de persistencia, soa e a primeira; o resto agrupado), prompts literais, versión e plan anotados, capturas de pantalla de todas as respostas. Puntuación coa rúbrica pública v1.4. A iniciativa é do MaisMedia Lab: medimos as máquinas, non as empresas — sen patrocinio nin fabricante detrás.

A v1.4 quedou curta (media 98,4): a edición 2027 engadirá probas que separen máis — sintaxe complexa, galego coloquial fronte ao normativo, e voz.