# Puntuacións — Estado da lingua galega nas IAs 2026

> Rúbrica v1.4 · Probas do 12/09/2026 · Todos os modelos en nivel gratuíto (Copilot en modo Smart)
> MaisMedia Lab — puntuación feita por MaisMedia coa rúbrica pública; as respostas completas están publicadas para verificación.

## Puntuacións finais

| Proba | DeepSeek | ChatGPT | Gemini 3.6 Flash | Copilot (Smart) | Claude Sonnet |
|-------|----------|---------|------------------|-----------------|---------------|
| A1 Ortografía e acentuación | 10 | 10 | 9 | 10 | 10 |
| A2 Morfoloxía verbal | 10 | 10 | 10 | 10 | 10 |
| A3 Léxico sen castelanismos | 10 | 10 | 10 | 10 | 10 |
| A4 Tradución | 10 | 10 | 10 | 10 | 10 |
| B1 Correo de atención | 10 | 9 | 10 | 9 | 10 |
| B2 Resumo técnico | 10 | 10 | 10 | 10 | 10 |
| B3 Persistencia da lingua | 10 | 10 | 10 | 7 | 10 |
| B4 Creación de marca | 10 | 10 | 9 | 9 | 10 |
| C1 Cultura e territorio | 10 | 10 | 10 | 10 | 10 |
| C2 Terminoloxía normalizada | 10 | 10 | 10 | 10 | 10 |
| **TOTAL /100** | **100** | **99** | **98** | **95** | **99** |

## Deduccións, unha a unha

- **ChatGPT (−1, B1)**: «estamos **xestionando**» — xerundio de posterioridade, calco sintáctico do castelán; o normativo galego prefire «estar a + infinitivo» («estamos a xestionar»). O resto do correo é limpo.
- **Gemini (−1, A1)**: etiqueta «estudia» como **hipergalecismo** — é o contrario: un castelanismo (o hipergalecismo sería unha sobrecorrección cara ao galego). Corrección ben feita, metalenguaxe errado.
- **Gemini (−1, B4)**: «**coa mellor leite galega**» — erro de concordancia de xénero (o leite é masculino: «co mellor leite galego»).
- **Copilot (−1, B1)**: «Estamos **revisando**» — o mesmo calco do xerundio.
- **Copilot (−1, B4)**: «con **leite galega**» — a mesma concordancia cae dúas veces.
- **Copilot (−3, B3)**: dá **302.250 habitantes** «segundo o último padrón continuo oficial do INE (2026)». A cifra non existe con esa atribución: a oficial a 1/1/2025 é **326.013** (real decreto 1117/2025, BOE) e as cifras de 2026 aínda non están declaradas (a estimación CENIE para 1-1-2026 é 312.575). Verificado contra o INE (táboa 2880), o BOE e o IGE. Os cinco concellos, en cambio, son exactos ao dígito — idénticos aos de DeepSeek e ChatGPT.
- **Claude (−1, C1)**: «**praza monumentais**» — desliz de concordancia («prazas monumentais»). Atribúe o selo UNESCO á catedral cando o conxunto declarado é o casco histórico (a catedral está dentro): impreciso, non falso.

## Observacións do estudo

- **A trampa da A1.3** (a frase correcta que había que dar por boa) superárona os cinco.
- **B3, a proba de persistencia**: as cinco respostas viñeron en galego espontáneo. Os tres modelos que deron a poboación total con cifra pechada (DeepSeek, ChatGPT, Claude) coincidiron dentro de ±1.000 habitantes con fontes e datas distintas; Copilot foi o único que se desviou.
- **Non-determinismo**: Claude executou a batería dúas veces seguidas, cos mesmos prompts. Primeira execución: sen erros (100). Segunda: un desliz de concordancia novo (99). As IAs non son deterministas — cada resposta é unha tirada.
- **Fontes en C2**: só Copilot citou a referencia exacta (Termigal). As atribucións á RAG e ao DRAG de DeepSeek, Gemini e Claude foron imprecisas nos detalles (os termos eran correctos); comprobado antes de publicar.
- **Latencia** (observación, sen puntuación): Claude foi o máis lento con diferenza; os demais responderon en segundos.

© 2026 MaisMedia Optimización Web — documento aberto, reproducible e citable.
